martes 25 de octubre de 2011

Para qué se lles paga aos políticos?

Os políticos (en abstracto) son persoas ás que lles pagamos un soldo para que fagan un traballo. Ese traballo poderíase resumir como o seguinte: Xestionar os cartos públicos.

Decidir en que se gastan os cartos que se recaudan por vía dos impostos, multas, nas empresas de titularidade pública, e vendendo décimos para os sorteos de navidade e cousas así.

Normalmente, a xente paga impostos porque quere ter carreteras, dereito ao paro, unha xubilación cando lle toque a hora, unha sanidade e unha educación públicas, policía que mire porque non os maten, etc.

Coñezo moi pouca xente que pague impostos porque estea convencida de que os politicos merecen cobrar máis que el. E coñezo aínda menos xente que estivera disposta a pagar impostos para non recibir nada a cambio.

A cousa vai así: No noso país de exemplo (que non existe, e se chama Exemplistán) pagamos impostos, xuntamos os cartos, e compramos cemento, e pagamoslles aos obreiros que fan a carretera. Designamos a un fulano que se encargue de falar co que vende o asfalto, e coa empresa que ha de facer a obra. Como non está ben que este paisano traballe de balde, dámoslle un soldo entre todos. E a partir de agora, chamámoslle Don Fulano.

Poñemos algo máis de pasta para, ao irmos indo vellos, non morrer de fame. Poñemos algo máis, e os rapaces poden ir á escola. Un pouco máis, e temos policía que vixíe as nosas casas. Non parece mal plan. Eu só, cos meus cartos, non podería pagar unha carretera...

O problema é cando o Señor Fulano, elixido para xestionar a pasta pública en Exemplistán, compra cousas que non debe. Compra non un, senón tres aeroportos, non unha carretera, senón unha Expo da Auga, e non unha educación para todos, senón só para os seus amigos. Iso non está ben.

Houbo moitos Señores Fulanos na nosa Historia Inventada de Exemplistán. Algúns bos, outros non tanto. Parecerá incrible, pero tamén houbo Señores Fulanos que decidiron empregar os cartos de todos... para o seu propio beneficio! quen o ía pensar, non?

Resulta que agora non chegan os cartos de todos. Simplemente, hai moito gasto, e poucos cartos. Así que os Señores Fulanos deciden que hai que gastar menos. E comezamos a gastar menos. Por algún sitio hai que empezar, así que... por onde? algún podería dicir que o Señor Fulano, que antonte comprou unha Cidade da Cultura sen preguntarlle a ninguén, igual debía ter máis coidado á hora de mirar onde mete os cartos, pero en seguida lle chaman tonto. Que tonto eres. Pensas que vas saber ti máis que Don Fulano, que se dedica dende hai anos a comprar cousas con cartos de todos? Así que, Señores Fulanos de aquí e acolá comezan a gastar menos en cousas como Educación, Sanidade e Policía. Bueno, non. Policía... non.

Como non parece haber cartos, deciden que comezaremos a cobrar a xubilaciíon un pouco máis tarde. Todos. Bueno, todos non. Señores Fulanos de aquí e acolá deciden que eles deben cobrar antes que ninguén, porque o merecen. Acaso non os designamos entre todos para xestionar os cartos? Será que o merecen. Alguén suxire que ao mellor Don Fulano podía cobrar un pouco menos. Don Fulano cre que non é boa idea. E como o Señor Fulano é quen decide onde se meten os cartos...

Ao cabo dun par de anos, en Exemplistán as cousas non melloraron. Nas escolas que pagamos entre todos non hai mesas, porque son moi caras. Precísanse os cartos para outras cousas. Nos hospitales de Exemplistán, os colchóns das camas están rotos, o recheo sáelle polas costuras. Non podemos comprar uns novos, precísanse os cartos para outras cousas. Os vellos xubílanse un pouco máis tarde, para poderen cobrar algo da pensión. Segue habendo moita policía, pois Don Fulano asegura que os habitantes de Exemplistán, que protestan na rúa, son perigosos elementos Comunistas, e hai que vixialos ben de preto.

Os Exemplistaníes seguen a pagar impostos (os que aínda poden pagalos), pero xa non lles parece tan boa idea. Non acaban de entender que está a pasar. Como pode non haber cartos para as mesas da Escola, se aínda a semana pasada compramos unha Nova Biblioteca da Cultura, e unha Expo da Terra, e un aeroporto (eh, xa temos corenta e dous, un por cada sete habitantes!).

Unha parte dos Exemplistaníes seguen a chamarlle tonto a aquel home de antes. Van indo a menos. Menos mal que Apareceu un novo Don Fulano, que asegura que el, desta vez, vai gastar ben os cartos. Que o escollamos a el para xestionar a pasta, que o vello Don Fulano non tiña nin idea, pero el si.

Don Fulano ha muerto, Larga vida a Don Fulano.

1 incisos:

Dami algo siñora dijo...

Inda bo é que non apareceu o señor Mengano coas suas subvencions magicas , as suas reformas laborales, co seu estrangulamiento progresivo aos autonomos... Ou incluso o señor Zutano, o q traballa na diputación, que ten un primo que supostamente traballa no congreso (pero que solo aparece por ali cando hai cena de empresa) , o que era sogro do diputado que ten un sueldo vitalicio ...